Sunday 19 de May de 2024

As obras de mellora do alumeado público das parroquias dos Ánxeles e Brión entran na súa fase final


Nestes días estase a proceder á substitución das 50 luminarias da avenida de Noia por outras tipo LED que permitirán un aforro de 28.700 kWh/ano

O proxecto de mellora do alumeado público nas parroquias dos Ánxeles e Brión entra na súa fase final. O proxecto, cun orzamento de preto de 200.000 euros que conta co apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), comprende a substitución dun total de 173 luminarias tipo “Fernandina” por outras de alta eficiencia e tecnoloxía LED que permitirán un aforro de 99.302 kWh/ano.
Tras completárense os traballos na Avenida de Santa Minia e ata a rotonda de Os Ánxeles, o proxecto entra na súa terceira fase coa reposición de medio cento de luminarias na Avenida de Noia (ata o límite co municipio de Ames). O alcalde de Brión, José Luis García, visitou hoxe os traballos que a empresa adxudicataria das obras, Esqueiro SL, está a realizar neste treito da estrada AC-543 Santiago-Noia.
“Nesta última fase estamos a substituír as medio cento de luminarias existentes por outras que nos permitirán un aforro só neste treito duns 28.700 kWh ao ano”, indica o rexedor. Prevese que os traballos conclúan “en menos de 15 días”.
Futura mellora da seguridade viaria
García tamén indicou que “esta última fase veuse algo demorada, xa que se tivo que levar a cabo unha modificación do proxecto á espera do acondicionamento deste treito da AC-543”. Trátase dun proxecto que se presentou a finais do pasado mes de xaneiro ante a Xunta durante unha reunión entre o alcalde brionés e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Dende a Xunta comprometéronse a redactar o proxecto de acondicionamento do treito desta estrada autonómica entre a rotonda de Os Ánxeles ata o límite con Bertamiráns (Ames).
Dentro do mesmo contémplanse, entre outras accións, a rehabilitación da capa de rodadura, así como o ancheamento das beirarrúas. “Deste xeito, poderá pasar tranquilamente unha cadeira de rodas ou un carriño de bebé. Trátase dunha obra moi necesaria para Brión”, concreta José Luis García.